A Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa organiza un curso de iniciación ao cultivo de cogumelos no sábado, 18 de xuño, ás 17h no local da Canteira de Paredes.
O obradoiro, que conta cunha parte teórica e outra práctica, será dirixido polo especialista Miguel Ángel Rodríguez Martínez e os participantes obterán as ferramentas necesarias para o cultivo de cogumelos á pequena escala.
O prezo do obradoiro é de 20 euros para comuneiros e 40 para non comuneiros e inclúe un kit de cultivo e micelio de shiitake.
Cada vez máis persoas en Galicia están a ser atraídos polo mundo dos fungos, dada a riqueza micolóxica da nosa terra, que representa un considerable valor engadido a respecto da recolla, cultivo, gastronomía ou saúde.
Na nosa Parroquia levamos moitos anos apostando por un monte diversificado e multifuncional, utilizando a micorrización das nosas plantacións non só para obtención de cogumelos, como tamén para unha mellor saúde das nosas árbores.
Pero é ben certo que outras formas de cultivo micolóxico poden ser beneficiosas tanto a nivel familiar como a nivel global pois podemos aproveitar subprodutos agroforestais ou mesmo residuos como as borras do café para a produción de alimentos de calidade.
Ante o panorama actual de esgotamento de recursos naturais e mudanza climática, animamos a todas as persoas preocupadas co ambiente e a obtención de alimentos saudables a participaren neste obradoiro, inscribíndose no email montesvilaboa@gmail.com ou no teléfono 654700664 até o día 14 de xuño.
Temario do Obradoiro
Parte teórica
– Introdución.
– Breve reseña histórica da funxicultura.
– Composición nutritiva
– Métodos de conservación
– Propiedades medicinais
– Clasificación dos fungos (saprófitos, micorrícicos e parásitos).
– Morfoloxía, partes dun cogumelo e reprodución.
– Factores de crecemento
– Obtención e multiplicación de micelio (pautas de limpeza, vantaxes, material, medios de cultivo, …)
– Obtención de micelio en gran
– Fases xerais do cultivo ( substratos: troncos, tocóns, palla, carozos de millo, poda de viña, pellets, borra de café; tipos de substratos; protección do substrato; incubación e colleita).
– Elaboración de inóculos micorrícicos para as nosas propias árbores.
Parte práctica
Realización de cultivo en tronco, pellets de palla e borra de café.