O proxecto de Tanatorio para Vilaboa está a punto de superar a última fase administrativa coa publicación no Diario Oficial de Galicia o anuncio de convenio entre a Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa e o Concello de Vilaboa para a modificación puntual do seu PXOM.

Despois de varios anos de atrancos administrativos, a Comunidade de Montes de Vilaboa pretende co referido convenio modificar a parcela de dotacións de servizos públicos, segundo o Plano Xeral, a servizos privados.

Este requisito ven derivado, entre outras razóns, polo encaixe legal da propiedade comunal na lexislación, que foi integrado como unha forma de propiedade privada, de carácter colectivo, en vez de recoñecer a súa existencia como un terceiro tipo.

Así foi informado pola Xunta Reitora na Asemblea Xeral realizada no domingo, día 17 de decembro, onde se tratou este proxecto entre outros, como a futura Casa de Montes, que xa conta coa Licenza de Obra e comezará a súa construción nos próximos meses.

Déronse conta tamén dos traballos realizados no Monte Veciñal nos últimos meses, entre os que se destaca a aposta pola plantación de castiñeiros de fruto enxertados con variedades tradicionais e a plantación de corticeiras.

A Asemblea concluíu co tradicional sorteo entre os asistentes de cinco Cestas de Nadal.