A eliminación do eucalipto foi o motivo dunha nova xornada de voluntariado organizada pola Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa. Os abrochos foron eliminados de forma manual e sen herbicidas nunha parcela de 1 hectárea que conta xa cunha plantación de castiñeiros.

O voluntariado, composto por veciñanza de Vilaboa e concellos limítrofes, realizaron a terceira limpeza manual para o control e erradicación da especie nunha plantación dedicada á produción de castaña.

Non é a primeira vez que se leva a cabo este tipo de iniciativa. A nova plantación de castiñeiros enxertados con variedades tradicionais para a produción de fruto tamén foi realizada coa axuda de comuneiras e comuneiros hai case un ano, así como as dúas xornadas anteriores de limpeza de eucalipto.

Este terreno fai parte das 2 hectáreas dedicadas na actualidade á produción de castaña tradicional, superficie que se irá incrementando nos próximos anos até chegar ás 14 hectáreas.

A Comunidade de Montes de Vilaboa valora positivamente esta experiencia e estuda a posibilidade de facer máis convocatorias públicas para este tipo de traballos comunitarios que fomentan a valorización do noso monte e a unión sempre que a situación sanitaria o permita.