O próximo día 4 de agosto terá lugar a “Xornada de Traballo Comunal e Convivio Viciñal” que ten como obxectivo realizar unha poda de formación de castiñeiros en monte comunal e inaugurar o Roteiro das Mamoas, coa colaboración da ANPA CPI Toural.
Ás nove horas están convocadas todas as persoas que queiran colaborar na poda de castiñeiros, da man do enxeñeiro Rodrigo Porto. As persoas terán a posibilidade de aprender e pór en práctica as técnicas de poda estival. Para isto contaremos con ferramenta adecuada e, no momento da inscrición, daranse máis detalles.
Ás dez e media comezará o Roteiro das Mámoas, unha actividade indicada para crianzas e adultos, acompañados polo arqueólogo Benito Vilas. É un percorrido circular de 5 quilómetros e pretende a recuperación e posta en valor dun conxunto singular e axudará á súa divulgación, fomentando a realización de actividades ao aire libre, cada vez máis presentes nas nosas vidas.
Ao finalizar, virá a parte de convivio nos exteriores da Caseta do Lago, recentemente arranxada pola Comunidade de Montes de Vilaboa e que incluirá comida e bebida para todas as persoas participantes nalgunha das dúas actividades anteriores.
Animamos a toda a viciñanza a participar en calquera das actividades, desfrutar do monte e do convivio viciñal. As persoas interesadas deberán INSCRIBIRSE até o día 1 de agosto no correo montesvilaboa@gmail.com ou no teléfono 654700664.
O punto de encontro para a poda será na Mámoa do Rei e o roteiro partirá da entrada do Lago de Castiñeiras.
Ao longo do percorrido do roteiro, adecuadamente sinalizado, pasaremos polas seis mámoas de máis de 5000 anos de antigüidade e por unha cista de 4000 anos. Cun pequeno desvío do traxecto circular, accederemos ao miradoiro da Taoira, no alto recentemente adaptado pola Comunidade de Montes en harmonía co entorno. No miradoiro poderemos desfrutar dunha panorámica espectacular da Ria de Vigo, das Salinas até Rande, pasando por Arcade, Cesantes, San Simón, Redondela, e serras como o Galleiro.
O Roteiro das Mámoas é unha actuación da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa, coa colaboración do Concello de Vilaboa e da Deputación de Pontevedra, executado pola cooperativa Árbore Arqueoloxía.