A CMVMC de San Martiño de Vilaboa ven de realizar nos últimos meses os traballos de preparación e plantación de case 2,5 hectáreas de castiñeiros enxertados con variedades tradicionais para a produción de fruto.
Esta plantación dedicada ao aproveitamento da castaña, contemplado no Plan de Ordenación, pretende diversificar o noso monte e complementar a produción sustentable de madeira certificada co selo FSC.
Traballo previo comunitario
Os traballos previos nos rodais actualmente plantados con variedades tradicionais de castiñeiro consistiron na eliminación de abrochos de eucalipto. Grazas ao traballo voluntario e á colaboración de veciños e veciñas da Graña e Postemirón durante varias xornadas a eliminación realizouse de xeito manual e sen utilización de pesticidas. Da mesma forma, tamén houbo colaboración veciñal durante as xornadas de plantación.
A Comunidade de Montes de Vilaboa valora positivamente esta experiencia e estuda a posibilidade de facer convocatorias públicas para este tipo de traballos comunitarios e de convivencia veciñal que fomentan a valorización do noso monte e a unión comunitaria sempre que a situación sanitaria o permita.
Diversificación da produción de fruto
As variedades tradicionais foron seleccionadas coa intención de abarcar tanto a produción de castaña para a sua comercialización en fresco como para conservación.
Desta forma, optouse polas variedades Luguesa e De Parede, estimando unha produción anual mínima de 10 000 quilos.
Multifuncionalidade con cogumelos
Como ven sendo práctica habitual da nosa comunidade nas plantacións de castiñeiros para madeira, todas as plantas están micorrizadas para a produción de cogumelos Boletus Edulis.
Deste modo, favorecemos o desenvolvemento das árbores, protección ante fungos e, ao mesmo tempo, aseguramos a multifuncionalidade do monte.
Expansión da produción
Estas 2,5 hectáreas fan parte de un conxunto de 14 hectáreas produtoras de castiñeiro segundo o Plan de Ordenación. Os próximos traballos consistirán en estudar a expansión da produción de castaña nas restantes 14 hectáreas. Así, a Comunidade aposta pola diversificación da produción compatibilizando coa produción de madeira nun total de 27 hectáreas que dispón o monte para castiñeiro.