Nos pasados días 27, 28 e 29 de xullo tivemos ocasión de asistir a un espectáculo dunha beleza a que non estamos acostumados, por varios motivos. Pola orixinalidade dun concerto flotante en que se mestura música de piano, voz e danza; polo palco, o escenario privilexiado imposible de reproducir no auditorios das grandes cidades: o Lago de Castiñeiras; e, como non, polo técnico de iluminación, Lourenzo, que nos obsequiou con fotografías nas horas dourada e azul.

Puidemos saber desta actividade cultural gracias ás redes sociais e tamén a algúns medios de comunicación que se fixeron eco. Neles puidemos comprobar que foi o Concello de Marín que publicitou, a través das súa concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, e explicou en que consistía a actuación e o desenvolvemento do concerto.
O concerto de Piano no Lago (de Castiñeiras) conta con dous espazos, o propio Lago (de Castiñeiras), onde tocan as e os músicos nun piano sobre unha pedaleta; e a terra firme, onde os e as asistentes utilizan as butacas “quechua” que levan de casa ou unha toalla.

Sorprendente é que esa terra firme estea fóra do Concello de Marín, concretamente no municipio de Vilaboa, de propiedade comunal. E dicimos sorprendente porque foi a alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez, a través da concelleira Beatriz Rodríguez, quen deu permiso para que a compañía “Le pianO du Lac” actuase no Lago (de Castiñeiras).

Non é que ocupasen unha certa parte, é que na súa totalidade, todo o terreo utilizado para o acto foi fóra do municipio de Marín (os que non pagaron por asistir, eses, si estaban en Marín). Entendemos que unha compañía de artistas procedentes da Bretaña, Francia e Asturias non saiba de limites parroquiais, pero o que non entende a Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa é a deslealdade institucional do Concello de Marín na hora de programar un acto nun espazo compartido, o Lago (de Castiñeiras), invadindo terreo comunal fora dos seus termos municipais. Porque outras actividades podían estar programadas alí cos seus debidos permisos da Xunta Reitora (como a Foliada do Lago da asociación Quilombo, finalmente cancelada), ou outros traballos comprometidos (rozas, podas, instalacións) ou porque sempre pode acontecer calquera tipo de incidente durante a actuación, e non estaría respaldado pola correspondente autorización.

Non é unha cuestión de mover marcos ou de batallas tribais entre clans veciños, é unha cuestión de sentido común cuxa ausencia, en repetidas ocasións, teñen mostrado os representantes municipais de Marín. O Lago (de Castiñeiras), máis unha vez, non é o Lago (de Marín), polo menos de momento. Aínda que, se o concello está interesado, podemos valorar unha permuta: Aguete sería unha boa opción. Chegado ese caso, o Lago de Marín contaría coa zona mais agradable do Parque e as mellores instalacións para asar no verán. Até ese momento, esperamos cos brazos abertos o servizo de limpeza do Concello de Marín para deixar o espazo tal e como estaba.