A Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa celebrou este sábado, día 10 de setembro, a inauguración dos asadores construídos no Lago de Castiñeiras.
Por volta de 150 persoas puideron asistir ao evento de inauguración, onde comuneiros e convidados gozaron dunha churrascada, acompañada de empanada e rosca, que a Comunidade ofreceu de maneira gratuíta aos seus comuneiros. A xornada foi amenizada con música tradicional e popular que os propios comuneiros puxeron en marcha, de maneira espontánea.
O Asador do Lago é un proxecto aprobado pola asemblea da comunidade en 2018 e construído en 2019 cun percorrido de tres anos de burocracias para a súa legalización definitiva.
José Luis López, presidente da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa, manifestou a súa satisfacción incidindo en que «é un servizo autorizado pola Xunta de Galicia para ser utilizado nos meses de verán, época en que está prohibido utilizar os pequenos asadores de pedra distribuídos polo recinto do Lago de Castiñeiras».