Os comuneiros e comuneiras de San Martiño de Vilaboa veñen de aprobar por unanimidade o anteproxecto para a construción do Tanatorio de Vilaboa na Asemblea Xeral da Comunidade de Montes celabrada no pasado domingo 27 de xuño.

O anteproxeto aprobado, proposto por Sepelios San Marcos, conta con dúas salas, sala de cerimonias, parque de estacionamento aberto ao público e zonas verdes. A cesión dos terrenos para a súa construción será por trinta anos e están localizados ao pé do cemiterio de Vilaboa, nun espazo de cerca de 4200 metros cadrados de propiedade comunal, incluído no PXOM para equipamentos.

A proposta inclúe a realización de unha parte importante da construción doutro proxecto da Comunidade de Montes de Vilaboa, a súa Casa de Montes, no lugar de Acuña.

Na mesma asemblea en que foi aprobado este anteproxecto, tamén foron tratados outros asuntos de importancia como a aprobación do novo Proxecto de Ordenación do monte para 2021-2030. O novo proxecto dá continuidade ao anterior e reafírmase na diversificación de especies e multifuncionalidade do monte apostando polo micorrizado de castiñeiro e piñeiro para a produción de cogumelos, a aposta polos castiñeiros de fruto de variedades tradicionais galegas e a produción de cortiza, para complementar a explotación madeireira.

No fin da asemblea foron sorteadas 3 mini-serras STIHL GTA26 entre os e as asistentes.