Con motivo da concentración convocada pola Mancomunidade de Montes en Man Común do Morrazo en rexeitamento da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia aprobada recentemente, estaremos diante do Concello de Vilaboa o próximo domingo 21 de marzo ás 12:00.

Consideramos que atenta gravemente contra o monte veciñal pretendendo a súa desaparición e privatización:

  1. Quere modificar a condición de comuneiro/a, dando entrada a persoas físicas e xurídicas que teñan algunha relación co monte veciñal. Poderán ser comuneiras empresas forestais, madeireiras, eólicas, mineiras…
  2. Quere dotar ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de personalidade xurídica, eliminando o carácter xermánico desta titularidade veciñal.
  3. Mantén as CMVMC coma suxeitos pasivos no Imposto de Sociedades como se fosen meras empresas mercantís.
  4. Mantén todas as lexislacións agresivas contra o monte veciñal como son: declaración do monte veciñal en estado de grave abandono por cuestións soamente burocráticas, obriga de investimentos de xeito uniforme e discriminatorio, pagar as falsas e inxustas débedas dos convenios e consorcios.

E hai aínda máis motivos polos que opoñerse a esta revisión e loitar por un monte galego con futuro, por un monte multifuncional e sustentable!