A Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa organiza no próximo día 28 de xullo a xa tradicional Festa Comuneira no Lago de Castiñeiras.

Esta celebración comezou en 2022 con motivo da inauguración dos asadores construídos pola Comunidade, cumprindo este ano a súa terceira edición.

Nesta xornada, os comuneiros e convidados poderemos desfrutar dunha churrascada, acompañada de empanada e rosca, amenizado coa música do grupo Nueva Estrella.

Os asadores do Lago son un servizo autorizado pola Xunta de Galicia para ser utilizado nos meses de verán, época en que está prohibido utilizar os pequenos asadores de pedra distribuídos polo recinto do Lago de Castiñeiras. A súa construción, aprobada en 2018, contou con tres anos de burocracias para a súa legalización definitiva en 2022.

O Parque do Lago de Castiñeiras é un terreno veciñal xestionado pola Comunidade de Montes de Vilaboa que ofrece un entorno natural de uso social. Conta con inúmeras especies arbóreas e diferentes infraestruturas, como o mencionado Asador, o Roteiro das Mámoas e o recentemente inaugurado Chiringo D’Cris.

Ademáis, a Comunidade de Montes de Vilaboa está en proceso de reconstrución dos baños e adecuación da Casa do Lago para o seu uso. Aínda así, non só non conta con ningún tipo de axuda das administracións para manter este espazo de interese social e natural, senon que continúa coas trabas burocráticas derivadas do antigo convenio de cesión á Consellería de Medio Ambiente, oficialmente extinto en 2016.