No pasado domingo, día 19 de decembro, realizouse a Asemblea Xeral da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa no CPI do Toural, onde se deu conta no máximo órgano da Comunidade dos traballos realizados no último semestre de 2021.

Entre as problemáticas coas cales se ten que enfrentar constantemente a Comunidade de Montes, é de salientar a constante presencia de lixo que é vertido no monte, prácticas incívicas que a Comunidade denuncia publicamente e que implican uns custos de xestión considerables para a organización veciñal.

Na mesma asemblea tamén se informou dos avances da construción do Tanatorio e da recuperación e mantemento do Parque de Castiñeiras, coa substitución de un tramo de valado, que será continuado nos próximos meses, e a sinalización e posta en valor do Roteiro das Mámoas, un roteiro circular inaugurado en agosto de 5 quilómetros para a recuperación e divulgación dos restos arqueolóxicos e do ambiente natural da parroquia.

Igualmente, presentouse unha publicación en formato revista sobre a evolución do Monte da parroquia desde 2009 até a actualidade, unha visión xeral dos diferentes aproveitamentos forestais, da aposta pola diversificación e multifuncionalidade do monte e dos investimentos en infraestruturas.

A Comunidade de Montes reduciu nos últimos 12 anos a presencia de eucalipto nun 17%, aumentou nun 13 % o piñeiro do país e nun 230% foi incrementado o castiñeiro. Co novo proxecto de ordenación aprobado, no mapa futuro da parroquia o eucalipto descenderá até un 14% da superficie forestal, as frondosas autóctonas contarán cun 25% e dominará o piñeiro do país cun 50%. É de salientar a introdución de sobreiras, que contarán cun 5% da superficie para a produción de cortiza, un paso máis para a diversificación do monte, que complementa outros usos como o da madeira, dos cogumelos e da castaña.