logo fundacion

Este vindeiro xoves 19 de marzo as comunidades de montes veciñais en man común de Santo Tomé de Piñeiro e San Xulián pertencentes ao concello de Marín e Santa Cristina de Cobres e San Martiño pertencentes ao concello de Vilaboa, promotoras da Fundación Lago Castiñeiras – Cotorredondo farán a presentación pública do proxecto técnico do arboretum e xardín botánico.

 

A presentación  farase na aula da natureza existente no parque de Castiñeiras a partires das doce da mañá. Este acto vai estar precedido por unha visita de escolares do colexio do Toural (Vilaboa) ao propio enclave para a celebración dunha actividade medioambiental enmarcada na celebración do día mundial da árbore.

 

O proxecto baséase na creación dun arboretum de máis de 74 hectáreas con especies representativas de todo o mundo que rodea un xardín botáncio de máis de 13 hectáreas, o primeiro de Galicia.

 

O padroado xestor  inicia así unha campaña de promoción e difusión dos obxectivos da Fundación entre os escolares das parroquias pertencentes ás comunidades de montes que a integran. Ao longo das vindeiras semanas  o responsable técnico e membros do padroado xestor iniciarán un ciclo de charlas polos colexios dos dous concellos para expor o proxecto que pretende pór en valor o enorme potencial social e medioambiental do entorno de Castiñeiras- Cotorredondo.

 

Esta iniciativa que irá acompañada doutras levaranse a cabo unha vez que se rematou a fase de redacción do proxecto técnico e a memoria administrativa e se solicitou a incorporación da administración galega (Xunta de Galicia) e provincial (Deputación) ao padroado da Fundación. Tanto os concellos de Marín como o de Vilaboa xa aprobaron en pleno a súa integración.

 

 

Daniel Rosales

Presidente do Padroado Xestor

 

 

A Fundación Lago Castiñeiras – Cotorredondo é  unha iniciativa das Comunidades de Montes de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), Santo Tomé de Piñeiro (Marín), San Martiño de Vilaboa  e San Xulián de Marín